Neglixencia no accidente da Fragata Extremadura
O Cabo Primeiro da Armada, José Enrique Dopico Lorenzo, declarou ante o Xuíz Togado Militar da Coruña, que trala explosión da caldeira da Fragata Extremadura en decembro de 2005 na que morreron dous mariños, o documento que demostraba que o accidente "se podía evitar" desapareceu despois de ser entregado aos responsables da Armada que realizaron a investigación interna. |
Na declaración prestada onte, 10 de xuño, no marco das dilixencias previas abertas polo Xuíz, Dopico Lorenzo corroborou así as afirmacións anteriores realizadas polo Cabo Jorge Miguel Gago Chao, quen denunciou a desaparición de documentos que demostraban que o accidente puido ser evitado e que se debeu a unha neglixencia dos responsables da Fragata.
O cabo Dopico Lorenzo declarou onte que tralo sinistro, "tivo no seu poder" a taboíña de análise e tratamento de auga de caldeiras do mes de decembro, e que puido ver como se entregaba aos investigadores da CEVACO, que realizaron a investigación interna. Posteriormente, cando a reclamou para incorporar os datos ao programa informático, xa non foi localizada nin se "puido dispoñer dela en ningún momento".
Na súa declaración, afirmou que tras o accidente puido ver "perfectamente" que esta taboíña da análise da auga, agora desaparecida, recollía niveis de contaminación con valores de 11 e de 12, cando o libro de tratamento de caldeiras recollía que habería que apagar a caldeira ante niveis de contaminación de 2 ou 4.
Así, asegurou que "na súa opinión persoal se puido evitar" o accidente e que o día do sinistro "puido haber unha neglixencia", da que responsabilizou en primeiro lugar ao tenente de navío Pablo Varela, entón xefe de máquinas da Fragata.
O día do falecemento dos dous mariños Francisco Javier Pérez Castrillón e Erik Noval, en decembro de 2005, o tenente de navío foi alertado no seu domicilio dos altos niveis de contaminación que se rexistraban nas caldeiras pero, segundo declarou ante o Xuíz, considerou que "non existía un perigo inminente" e por iso non deu orde de que se parasen as caldeiras. Tampouco acudiu ao buque ata despois do sinistro.
Por outra banda, na declaración realizada durante o día de onte ante o Xuíz, o cabo da Armada asegurou que a planta de vapor da Fragata Extremadura se atopaba en "moi mal estado" e que algunhas obras pendentes dende o ano 2001 se foron atrasando, na súa opinión, debido a que a construción das novas Fragatas da serie F-100,"consumiu moito diñeiro" nesa época.
Comentarios (2)
Nemigo di
é de agradecer que aínda hoxe teñamos xente con integridade que sexa quen de dicir a verdade e non se pregue a intereses corporativistas. Iste é un exemplo de valentía e honradez:
12-06-2008
Votos: +0
No hay comentarios:
Publicar un comentario